o 12 de marzo presentarase en Vilagarcía o libro “María Vinyals. Un talento rebelde”
O tándem Isabel Blanco / Luz Beloso está dando resultados gratificantes no campo da literatura infantil. A primeira, a través de delicados textos para nenos; a segunda, ao cargo das ilustracións. Xa van tres libros de ficción elaborados por ambas, adicados a un personaxe creado para a ocasión, Rosaura, en distintas tarefas (cociñeira, mariñeira e cesteira); agora veñen de embarcarse nun proxecto distinto, dirixido ao público xuvenil e non exento de risco. Porque as biografías non acostuman a ser as lecturas máis demandadas polos rapaces. Pero quizais sexa porque non se lles presentan adaptadas a eles e de tal xeito que lles resulten atractivas. E tal é o enfoque que as autoras lle dan a esta nova aventura.
A obra que presentan é unha recreación da biografía de María Vinyals, muller nacida no ano 1875 no castelo de Soutomaior. Personaxe senlleira e inxustamente esquecida, deixou para a posteridade unha chea de escritos, artigos e conferencias, que a presentan como unha das primeiras galegas abandeiradas do feminismo; tamén nos legou unha historia do castelo no que naceu que aínda hoxe é unha obra referencial para os investigadores. O proxecto de edición desta biografía vén apadriñado pola Deputación de Pontevedra, que deste xeito pretende difundir entre os máis novos a relevancia dunha muller tan interesante como é María Vinyals.
Para relatar a súa biografía dun xeito máis acaído para os rapaces, Isabel Blanco creou un personaxe ben peculiar, un vello habitante do castelo ao que chama Edmundo e que, logo do seu pasamento, ficou encerrado entre as pedras de Soutomaior en forma de pantasma. Será este ser do alén, co que María Vinyals entra en contacto sendo nena e co que convive al longo da súa vida (coa intermitencia derivada de diversas viaxes), o que se encargue de darnos os detalles da súa traxectoria e personalidade. Conversas e, sobre todo, as cartas que ela lle envía cando está lonxe, marcan as pautas desta relación que non deixa de ter algo de platónica.
Non estamos, xa que logo, diante dun traballo de investigación exhaustivo e ateigado de datos e de datas, que de seguro resultaría tedioso para o público ao que vai dirixido, senón dunha recreación novelada da vida de María Vinyals, con todas as licencias que tal premisa permite. O resultado é ameno, ofrécenos unha visión global da vida e obra da protagonista, achéganos á súa personalidade e cumpre perfectamente a función para a que foi pensado.
A parte literaria vese complementada cunha presa de debuxos de Luz Beloso, que cada día que pasa semella empeñada en seguir a demostrarnos que é unha das figuras máis salientables da ilustración galega. Grandes imaxes a dobre páxina que fan de perfecto contrapunto para conseguir unha lectura amena e proveitosa. Finalmente, e como dato anecdótico pero salientable, destacar que dúas autoras, unha editora e unha política, aunaron esforzos para divulgar o traballo doutra muller. ¿Alguén aínda dubida de que o futuro se escribe en feminino?
12mar
marzo 2019
8M
Suscríbete a Arousa TV por correo
Publicar un comentario