12h30 sábado na Sala de Conferencias do Auditorio, Vilagarcía. Entrada libre. Charla co escritor e director xeral da Editorial Galaxia.
FALADOIRO con Francisco Castro sobre a necesidade de editar obras da Literatura Universal en Galego
Francisco Castro. Escritor. Director Xeral de Editorial Galaxia
Vigo (1.966). Escritor e director xeral de Editorial Galaxia dende decembro de 2.016. Foi un dos primeiros autores galegos en comprender a importancia das redes sociais e as bitácoras como medio de comunicación e de contacto coas lectoras e lectores dos seus libros, montando as súas propias redes de traballo neste eido. Ten impartido tamén moreas de cursos de formación para profesorado relacionados con Animación á Lectura.
Antes de incorporarse á editorial no ano 2.008, exerceu como profesor de Filosofía durante 18 anos en Secundaria, compaxinando este labor coa xestión cultural a distintos niveis, tanto na organización de Ciclos de Conferencias para distintas entidades públicas e privadas (a actual AFundación, os Diálogos Literarios de Mariñán en 2.006), como na Programación Cultural da Casa do Libro de Vigo dende a súa apertura.
Tamén, dende o ano 2.003 imparte Obradoiros Literarios para todos os chanzos de idade e por todo o país. Asiduo dos medios de comunicación, como articulista, ininterrumpidamente dende os seus tempos de estudante en Compostela, ata a actualidade onde participa como tertuliano na Televisión de Galicia. Foi Presidente de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) entre 2.010 e 2.014 e membro da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega dende 2.008 a 2.010).
Como escritor leva publicadas 21 obras, moitas delas premiadas e traducidas a moitas linguas. Por non citar todas, podemos destacar, entre outros Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1.997), os libros de relatos A canción do náufrago (2.001), Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2.001) e a novela histórica Memorial do infortunio (2.003), traducida ao castelán, Xeración perdida (2.004, tamén en castelán), premio “Cartafol de Vieiros ao mellor libro do ano” e os libros para mozos Un bosque cheo de faias (2.004) e O ceo dos afogados (2.007), distinguidos ambos os dous co premio Frei Martín Sarmiento que conceden escolares de toda Galicia.
No ano 1.999 foi Premio de Xornalismo "Manuel Reimóndez Portela", no 2.002 obtivo "O Facho" de poesía pola obra Matar a Walt Whitman moitas veces, en 2.005 o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, polo relato "Venres Desesperado (look casual friday)" e o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves polo traballo "Ningún fascista morreu inxustamente".
Premio Blanco Amor de Novela (2.005) pola novela Spam (traducida ao italiano e ao castelán), Premio de Novela Manuel García Barros 2.007 por As palabras da néboa. Para pequechos destaca Chamádeme Simbad (2.009) que entrou na Lista de Honra do IBBY 2.012 e recibiu o premio como Mellor Libro Infantil na web ‘Fervenzas Literarias’ outorgado polos lectores/as (traducida ao castelán, catalán e portugués de Brasil) así como o Frei Martín Sarmiento de 2.011. Este libro leva vendidos preto de 20.000 exemplares. Para un público máis xuvenil, O segredo de Marco Polo (2.010), traducida tamén ao catalán.
No ano 2.011 publica unha nova novela para adultos titulada In Vino Veritas, e en 2.012, asina, con Fina Casalderrey, o libro de relatos O neno can (seleccionado na Lista do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais de Oslo, premio Frei Martín Sarmiento 2.014), tamén traducida ao castelán e ao catalán e incluido na Lista de Honra CLIJ 2.014. En 2.013, a súa novela O corazón da Branca de Neve gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (traducido ao catalán en 2.015). Recentemente publicou, en 2.014, a novela xuvenil Tes ata as 10, traducida ao castelán en Suma de Letras no 2.016 (premio Frei Martín Sarmiento 2.016 como Mellor Libro de Adultos), ano no que publica Amor é unha palabra coma outra calquera e Barricadas de sal. En 2.018 publicou a novela xuvenil Iridium.
Dende 2.018 é membro da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega
26oct
octubre 2019
Festival Curtas
Publicar un comentario