--> 📣 Manifestación CCOO e UGT 'Primeiro de Maio do 2019: Primeiro as persoas' | 1may

0

12h miércoles, manifestación desde Ravella, Vilagarcía. Participación libre

Primeiro de Maio do 2019: Primeiro as persoas

Manifestación CCOO e UGT 


Neste 1.º de Maio, Día Internacional do Traballo, CCOO e UGT chamamos á mobilización das traballadoras e os traballadores para enchermos as rúas e conseguir que esta sexa unha xornada de reivindicación social e defensa dos dereitos da clase traballadora, para loitar contra a precariedade e as desigualdades instaladas na nosa sociedade, a favor do emprego de calidade, e para dicirlle ao Goberno que saia das urnas que aborde con urxencia a axenda social.

Os beneficios do crecemento económico só os están aproveitando uns poucos, as rendas do traballo non crecen ao mesmo ritmo que os beneficios empresariais. A pobreza e a desigualdade en todas as súas vertentes son problemas reais na nosa sociedade. Esiximos un cambio que teña en conta a maioría social do país. Para iso, presentamos un decálogo de propostas aos partidos políticos, reclamando que é momento de pasar das palabras aos feitos.

Esiximos un cambio de modelo produtivo cara a outro sostible e integrado co medio ambiente.

O crecemento económico ten bases moi febles e o novo emprego é mormente precario. Por iso, desde UGT e CCOO coidamos necesario poñer en marcha reformas que sirvan para transformar o tecido produtivo. Seguimos cun sector industrial atrasado (17 % do PIB en Galicia) que concentrou toda a desaceleración da actividade económica en 2018 e cun modelo de crecemento demasiado dependente do sector terciario e do turismo; por iso esiximos un modelo económico distinto, asentado na convicción de que o noso planeta non é un pozo sen fondo de recursos, senón un ben escaso que cómpre coidar. Para o que propoñemos:

Unha política incentivadora do investimento, que garanta o 3 % do PIB da UE en Investigación e Desenvolvemento (I+D).

Unha política de formación e cualificación eficaz, que invista na capacitación profesional das traballadoras e os traballadores.

Unha política enerxética máis eficiente, cunha cesta enerxética que, apostando polas enerxías renovables, facilite maior independencia e seguridade na subministración.

A mobilización do potencial das zonas rurais como motor de desenvolvemento e innovación, para alcanzar a cohesión social, territorial e económica en Europa.

A creación dun gran banco público ao servizo dos intereses de toda a cidadanía.

Esiximos emprego de calidade
e a derrogación das reformas laborais
de 2 010 e 2 012.

En Galicia, coma no resto de España, as aínda elevadas taxas de desemprego conviven cun emprego precario, temporal e parcial, que non deixa de subir. O 26 % das persoas asalariadas na nosa comunidade son temporais; só o 65 % do total de persoas asalariadas en Galicia teñen un contrato indefinido e a tempo completo; e máis dunha cuarta parte dos contratos asinados, o 35 %, non duran máis de sete días. O contrato a tempo parcial involuntario converteuse nunha figura ultraflexible, de precarización das condicións de traballo e que dificulta seriamente o dereito á conciliación.

Xunto a iso, non deixan de xurdir intentos de fuxir da regulación laboral para abaratar e facer máis precario o emprego nacente (falsos autónomos, falsos bolseiros, empresas multiservizos, etc.). Nin sequera se aplica a legalidade actual en materia de contratación. Consideramos prioritario que se aplique con toda a firmeza a normativa vixente e se persiga a fraude xeneralizada cunha normativa sancionadora eficaz que deixe de beneficiar as empresas.

Hai que derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012. Volver ao diálogo social, á negociación colectiva sectorial, á recuperación da ultraactividade, á autorización administrativa e a causalización do despedimento colectivo. Hai que regular adecuadamente a subcontratación, utilizada hoxe como medio de aforro de custos e empeoramento das condicións de traballo, e establecer un control eficaz da xornada laboral.

Reclamamos unha
sociedade xusta e cohesionada
de todas as persoas.

Nunha sociedade na que traballar non é unha garantía contra a miseria, na que unha de cada catro persoas está en risco de pobreza, urxe adoptar medidas para reforzar o estado de benestar. E para iso, cómpre recadar máis e de maneira máis xusta. Por iso, esiximos:

• A derrogación da reforma de pensións de 2013.

• Un plan de choque polo emprego de calidade, que inclúa medidas específicas para os colectivos con maiores dificultades (persoas con capacidades distintas, paradas de longa duración, mozos e mozas, etc.).

• A reforma do Estatuto do Traballador Autónomo coa mellora dos dereitos do colectivo e especialmente os dos TRADE, incluíndo a negociación colectiva.

• Un plan contra a explotación laboral e o tráfico de seres humanos.

• O establecemento de 1000 euros ao mes como salario mínimo interprofesional para 2020.

• Unha prestación de ingresos mínimos que lles permita saír da miseria ás decenas de miles de familias sen recursos.

• O aumento do gasto en sanidade e educación.

• Unha reforma fiscal integral que supoña o aumento dos ingresos públicos e a tributación dos que teñen maior capacidade de pago, impulsando a loita internacional contra os paraísos fiscais e a evasión das grandes multinacionais.

Esiximos a non discriminación
por razón de xénero e a garantía
da igualdade real entre mulleres e homes.

Nestes últimos meses asistimos con estupefacción ao renacer de posicións de sublimación do machismo que criamos soterradas. Por tanto, hai que reforzar as políticas de xénero, apostando por unha práctica educativa transformadora desde a perspectiva de xénero; desenvolver na súa integridade a Lei orgánica de igualdade e a de violencia de xénero, para garantir que as mulleres se liberen da violencia machista que as atenaza e aterroriza. Romper os teitos de cristal, conseguir a igualdade salarial. Acabar coa división sexual do traballo e coa segregación da muller no mercado laboral. Falta moito por facer, as medidas tomadas non abondan para alcanzar a igualdade real e efectiva, polo que falta por percorrer un camiño aínda moi longo no que a mobilización e a presión sobre os poderes públicos son esenciais. Neste Primeiro de Maio queremos repetir, ben alto, o que millóns de persoas xa corearon o pasado 8 de marzo: feminismo é igualdade e, por tanto, feminismo é progreso.

Tolerancia cero
coa sinistralidade laboral.

A Lei de prevención de riscos laborais ten 24 anos. Pero as cifras non cambiaron radicalmente e, co peche da crise, renacen as altas cifras de sinistralidade nunha tétrica volta ao pasado. Esiximos o seu cumprimento.

Un modelo baseado
no Estado social
e democrático de dereito.

Queremos lembrar a quen nos goberne que non esquezan o pacto que alumou a Constitución de 1978 e que os dereitos sociais nela recollidos non sexan mero papel mollado. Que non esquezan a construción dunha sociedade máis democrática e igualitaria. Os dereitos da cidadanía deben ser postos en valor:

• Todas as persoas temos dereito a unha vivenda digna. As reformas últimas sobre a Lei hipotecaria e a Lei de arrendamentos urbanos son insuficientes. Hai que actuar de forma directa e decidida sobre o mercado do alugamento, impulsando a saída dos numerosos pisos baleiros, creando un bo parque de vivendas públicas para o alugueiro regulado en franxas de prezos razoables e xustos.

• Hai que discriminalizar o dereito de folga coas modificacións legais oportunas e tomar as medidas necesarias, indultos incluídos, para exonerar as traballadoras e os traballadores procesados da espada de Damocles pendurada sobre as súas cabezas.

• Hai que deseñar un plan integral para unha xustiza moderna e de calidade.

• Hai que modificar a lei de estranxeiría, derrogando a posibilidade de rexeitar emigrantes na fronteira.

Comisións Obreiras e a Unión Xeral de Traballadores expresamos o noso rotundo rexeitamento a todas as posicións excluíntes, populistas e retrógradas que ameazan os dereitos laborais e sociais básicos e que combateremos con todos os instrumentos ao noso alcance: nas institucións, co diálogo, e nas rúas, coa mobilización. Nin un paso atrás nos dereitos da clase traballadora!

É o momento de cambiar de rumbo nas políticas económicas e sociais, para que os beneficios da recuperación cheguen a todas as persoas, para que aumente a igualdade de trato e de oportunidades e para que a solidariedade e a fraternidade volvan converterse nos valores centrais do proxecto europeo e do desenvolvemento mundial.

Por iso, aos partidos políticos que obteñan representación parlamentaria nas próximas eleccións xerais, esixímoslles que conformen un goberno de progreso e que posibiliten a aplicación das políticas que a clase traballadora reclama para lograr:

Empregos estables e ben remunerados

Pensións dignas

Prestacións sociais suficientes

Servizos públicos de calidade

Igualdade para todas e todos




Manifestacións do Primeiro de Maio (CCOO e UGT)

— A Coruña (acto central): saída ás 12:00 da praza da Palloza

— Ferrol: saída ás 12:00 da praza do Inferniño
— Santiago de Compostela: saída ás 12:00 da Alameda
— Lugo: saída ás 12:30 do edificio de sindicatos (rolda da Muralla)
— Viveiro (só CCOO): saída ás 11:45 da rúa de García Dóriga
— Ourense: saída ás 12:00 do pavillón dos Remedios
Vilagarcía de Arousa: saída ás 12:00 da praza de Ravella
— Pontevedra: saída ás 12:00 da praza da Ferrería
— Vigo: saída ás 11:30 do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz



01may
mayo 2019


Publicar un comentario

 
Top